Stock Aitken Waterman
Stock Aitken Waterman foron un importante trío británico de produtores de música pop e dance de mediados dos anos oitenta ata principios dos noventa formado por Mike Stock, Matt Aitken e Pete Waterman. Nos países de fala inglesa tamén son coñecidos polo acrónimo SAW. De entre a gran lista de artistas producidos por eles podemos salientar como exemplo a Kylie Minogue, Bananarama, Rick Astley, Samantha Fox e Jason Donovan.
Aparecidos a finais do 1984 foron un dos equipos de produción máis prolíficos e de meirande repercusión no panorama comercial da década dos oitenta. Agrupados baixo a compañía Pete Waterman Limited (PWL) abandeiraron ó longo dun importante período de tempo o estilo nomeado Hi–NRG (high energy), adoptando elementos do synth–pop e do dance electrónico ata converxeren nun son totalmente propio e doado de recoñecer. Na súa época máis tardía fíxose notoria a influencia do house e do eurobeat nas súas composicións, aínda que sen caeren plenamente neles e sen perde–la súa propia base.
O éxito sen precedentes de Stock, Aitken e Waterman debeuse a unha calculada e esmerada liña de produción, dende a captación de novos artistas, pasando pola fase de composición e arranxos, a pulcritude no proceso de gravación e mestura e finalmente a campaña de lanzamento. Á marxe das críticas cara ao círculo mainstream cabe facer fincapé en que gran parte do éxito obtido se fundamenta na consecución dun estilo moi persoal que tivo un masivo acollemento principalmente en Europa e países da Commonwealth.
De raíz eminentemente tecnolóxica e bailable, a súa música apóiase no recoñecemento de certos patróns e clixés aínda que sen caer nunha tesitura forzosamente simple nin obvia. Como efectos de harmonía son relevantes, por exemplo, as rodas de acordes, habitualmente complexas e cheas de tensións, e a súa evolución ó longo das composicións. Tamén son salientables os cambios pouco convencionais de intervalo tonal nas transicións e enlazadas dentro da súa estrutura (sobre todo entre o retrouso e a estrofa, e entre o retrouso e a ponte), así como o xeito de resolve–las pontes. Nas liñas de baixo atopamos dous padróns claramente diferenciados: por unha banda os de motivo funk e por outra os de tipo sequenced–bass máis propios do synth–pop e en ocasións moi preto do techno. Outro dos puntos fortes é a grande orquestración nas composicións (seccións de corda e metal) e a masiva aplicación de arranxos e ornamentación harmónica. En canto ó ritmo, baséase en padróns disco, aínda que con movemento sincopado, situándoo moitas veces preto do funk e do house da primeira época, en especial cando empregan percusión de caixa de ritmos analóxica. En liñas xerais a cor do son é brillante, chea de reverbs amplas e delays sincrónicos.
Algúns artistas producidos por Stock, Aitken e Waterman
[editar | editar a fonte]- Bananarama
- Boy Krazy
- Brother Beyond
- Big Fun
- Cliff Richard, canción "I just don't have the heart"
- Dead or Alive
- Divine
- Donna Summer
- Hazell Dean
- Jason Donovan
- Kylie Minogue
- Laura Branigan, canción "Shatered glass"
- Lonnie Gordon
- Mandy Smith
- Mel & Kim, ou tamén Kim Appleby cando morreu a súa irmá.
- Pat & Mick
- Princess
- Reynold Girls
- Rick Astley
- Sabrina, nunha segunda época (cancións como "All of me").
- Samantha Fox
- Sigue Sigue Sputnik, nalgunhas cancións como "Success".
- Sinitta
- Sonia
- Yell